mércores, 16 de xaneiro de 2013

Consellos dun experto no campo dos rastrillos

Fran estábame esperando no meu portal baixo a choiva, coma un cadelo abandonado. Metino debaixo do paraugas e fumos dar unha volta.
Empezou a falar inmediatamente. Levaba unha mala racha, e mentres andábamos foime desgranando unha serie de problemas máis ou menos graves que lle caían encima coma un barruzo constante e contra os que non acertaba a saber qué facer.
O máis importante, o que sobrevolaba todo o seu monólogo, era o paro; volvía unha e outra vez a el. Levaba demasiado tempo buscando traballo e estábase quedando sin enerxías para seguir mandando currículos e  levantándose da cama tódolos días ás oito da mañá sin ter adonde ir. Estaba bloqueado, desanimado, necesitaba un empuxón. E, pese a que son aproximadamente tan pouco indicado para ese menester coma un delfín para da-la hora, tocábame darllo a min.
Creo que fun de bastante axuda, que conste: repasamos o seu currículo e encontramos varios apartados nos que o podería mellorar; buscamos maneiras productivas de que pasase o tempo sin estar encerrado na casa e cursos que podería facer, e el ó principio todo o que me contestaba era "estaría ben que, a ver si un día destes" e vaguedades así, pero pouco a pouco fun acorralándoo e agobiándoo e chegamos a un punto de excitación nerviosa no que todo era urxente; íbamos cambiarlle a vida aquel mesmo día, todo era importante e ó salir da cafetería volveríamos correndo á miña casa a apuntarnos ó examen do Advanced e buscar un curso de alemán, e eso soamente para quentar motores.
Despois tíñamos que ir ó cine ver "Los diarios del ron", que resultaba bastante anticlimático pero as entradas xa estaban compradas. E ademáis a sesión era ás nove e solo tíñamos unha hora libre, pero íbanos dar tempo a todo, incluso a cenar algo na casa, solo tíñamos que correr. Así que salimos da Ramón atropellando vellas, cruzando semáforos en ámbar e saltando sobre o capó de carritos de bebé porque non había tempo que perder. Recorrimo-la Rúa Nova, salimos da Muralla, cruzamo-la Rue Amyot e seguimos correndo polo 18 de Julio ata a altura da Divina Pastora, e nese momento púxose a chover.
E Fran, que iba algo por diante de min, detívose para esperarme e abrigarse debaixo do paraugas pero eu, como é esperable,  deixáramo na confitería.
Volvimos por el, claro. Mollándonos. Todo o rápido que puidemos, que non é moito decir porque unha vez que se nos pasara a efervescencia do momento dímonos conta de que estábamos cansados de narices.
Cando chegamos de novo á confitería Ramón xa pasaban das oito e estaba pechada.
Fran sorría porque el xa o sabía. Estaba pasando unha desas rachas nas que os problemas simplemente che caen encima, un detrás doutro coma un barruzo constante, non podía esperar outra cousa.
Así que non lle cambiei a vida aquel día. A duras penas chegamos ó cine, empapados coma bobos e sin cenar.

Ningún comentario: